Categorías
Guieiro UMG

A UMG corenta anos de escola de militancia comunista patriótica

“Nas nosas mans construímos día a día o destino das nosas vidas, cómpre continuar loitando con alegría. Sendo conscientes de que ningún esforzo ou traballo é en van. Que cada acción, cada campaña, cada loita achéganos un pouco máis á Galiza Ceibe e socialista coa que soñamos.”

Corría a segunda metade dos anos 70, cando, con gran acerto e tras un medre significativo de simpatizantes, afiliados e militantes, a Unión do Povo Galego pulou pola creación da súa organización xuvenil. Púñase en marcha un novo espazo de traballo co obxectivo de achegar ao sector xuvenil un discurso comunista e patriótico. Un espazo onde abordar os problemas da mocidade e dar resposta ás súas necesidades e inquedanzas como parte integrante do pobo traballador galego.

Nos meses previos á súa constitución, os días 14 e 15 de agosto de 1977 co lema “Por unha Galiza Ceibe e Socialista”, encetaron os traballos de captación de militantes, a organización de células e a discusión teórica e práctica. Así nacería a escola de militantes comunistas e nacionalistas que é a Unión da Mocidade Galega. Escola de militancia revolucionaria, que durante estes corenta anos dotou o nacionalismo de activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional do noso país. Militantes entregados que contribuíron, e contribúen, a eito ao fortalecemento do movemento nacionalista galego en todos os ámbitos de actuación, a principiar polo xuvenil e o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política.

A mocidade é unha forza dinámica que, malia non ser homoxénea, incorpora valores de solidariedade, participa e partilla da enerxía da transformación social, da creatividade, da alegría, da combatividade, da capacidade de resistencia e organización. As mozas e mozos que facemos parte da Unión da Mocidade Galega agrupámonos en torno á ideoloxía nacionalista e comunista, e buscamos desde o debate interno accións de loita para dar resposta ao pensamento dominante do sistema capitalista, que pretende impor falsas solucións coa fin de desviar a loita e a vontade de transformación.

Somos conscientes do momento histórico que vivimos, marcado por unha brutal ofensiva imperialista no contexto dunha grave crise capitalista. Nos últimos anos observamos como o capitalismo volveu demostrar con clareza ser un sistema baseado na depredación e na explotación. Maniféstanse con dureza as contradicións entre capital e traballo así como o antagonismo entre as principais potencias capitalistas e os territorios periféricos e dependentes. Para sobrevivir, o capitalismo precisa de aumentar a explotación, concentrar e centralizar o capital e impoñer unha lóxica de dominación territorial, atacando así dunha forma voraz os dereitos da clase traballadora e fomentando os conflitos, a través de inxerencias e da guerra.

Desde a UMG facemos tamén propia a análise de que a fase superior do capitalismo é o Imperialismo, e que este avanza por todo o mundo. As súas gadoupas tamén oprimen a nosa patria e as vidas das galegas e galegos, nomeadamente a través das políticas de agravio da Unión Europea e do Estado español cara a Galiza.

Desde as súas orixes, a UE ten sido un proxecto da grande burguesía dos Estados membros e do capital transnacional, amparado sempre polas forzas políticas da dereita e a socialdemocracia, que son as encargadas de potenciar o carácter neoliberal, imperialista e militarista da UE, unha organización que atenta contra a soberanía dos povos, os seus destinos e a organización dos mesmos. Mentres tanto, en Madrid o goberno da dereita de Mariano Rajoy cumpre os ditados da Troika, recortando en servizos públicos e dereitos. O goberno español foi o mellor cómplice que puido atopar a Unión Europea para avanzar na mercantilización e privatización do ensino, coa chegada do Espazo Europeo de Educación Superior (máis coñecido como Plan Boloña) ou a inminente aplicación do Decreto do 3+2, mais tamén no ensino medio mediante a LOMCE, que non é máis que unha ferramenta para impedir a formación crítica da mocidade e afondar na elitización do ensino a través da constante imposición de barreiras ás estudantes de clase traballadora.

No marco deste sistema capitalista que abafa o povo galego e cercena cada vez máis a nosa xa cativa soberanía, as mozas estamos condenadas á emigración, ao desemprego ou á precariedade; a un roubo dos nosos dereitos laborais e a vernos despoxadas da posibilidade de termos un futuro de emprego digno na nosa terra.

Porén, desde a UMG somos conscientes que é hora de tomar a palabra. É hora de organizarse, desde os institutos até os centros de traballo, sendo conscientes de que ningún dereito foi acadado sen loitar e de que no capitalismo todo está en disputa e por conquistar. Neste corenta aniversario reafirmamos o noso compromiso coas organizacións de masas das que facemos parte. Por iso, a mellor contribución que a UMG pode facer a estas organizacións, é continuar a reforzar Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, e a nosa organización estudantil de referencia: Erguer, Estudantes da Galiza, en todas as localidades do País, e así mellorar e ampliar a actuación do conxunto do nacionalismo entre a mocidade. Co firme obxectivo de aumentar a conciencia nacional da mocidade galega e concretar as alternativas do nacionalismo a nivel xuvenil.

Neste aniversario, afirmamos que o proxecto emancipador do comunismo patriótico galego goza de boa saúde, mais precisamos achegar máis mozas e mozos ás nosas coordenadas ideolóxicas e á nosa acción, sendo conscientes da importancia de continuar aumentando a escola de formación que é a UMG, pensando tamén en chave de asegurarmos o mellor relevo xeracional en base a unha militancia nova, pero curtida, con experiencia contrastada no activismo e no traballo nas rúas e ideoloxicamente formada.

Artigo publicado no Gueiro nº36 Xullo 2017 en conmemoración dos 40 anos da UMG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *