Categorías
Discursos

Catro décadas de compromiso co noso povo e coa nosa patria

Boa tarde camaradas,
Boa tarde amigas e amigos da Unión do Povo Galego,


É una inmensa honra que nos acompañedes neste cuadraxésimo segundo aniversario do asasinato do noso camarada Moncho Reboiras. Este acto, así como a homenaxe que acabamos de realizar na Rúa Terra onde o noso camarada foi asasinado son accións merecidas e necesarias. Xa que son a mostra clara de que a sangue derramada do nos camarada nos anos 70 enraizou vizosa e leva décadas a agromar nas fileiras do nacionalismo galego.

Para as mozas e mozos que facemos parte da Unión da Mocidade Galega, Moncho Reboiras é un exemplo claro de compromiso con Galiza e coa clase traballadora. A pesar de ser asasinado con tan só 25 anos, a traxectoria de Moncho é unha traxectoria marcada polo inxente contributo de militancia e de compromiso. Un compromiso que é partillado por todas nós.

Este ano a Unión da Mociade Galega cumpre 40 anos de compromiso co noso Pais, na segunda metade dos anos 70, cando, con gran acerto e tras un medre significativo da base social, o Partido pulou pola creación da súa organización xuvenil. Púñase en marcha, un novo espazo de traballo co obxectivo de achegar ao sector xuvenil un discurso comunista e patriótico. Un espazo onde abordar os problemas da mocidade e dar resposta ás súas necesidades e inquedanzas como parte integrante do pobo traballador galego.

Compre destacar como nos meses previos á súa constitución, os días 14 e 15 de agosto de 1977 co lema “Por unha Galiza Ceibe e Socialista”, encetaron os traballos de captación de militantes, a organización de células e a discusión teórica e práctica. Así nacería a escola de militantes comunistas e nacionalistas que é a Unión da Mocidade Galega. Escola de militancia revolucionaria, que durante estes corenta anos dotou o nacionalismo de activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional do noso país. Militantes entregados que contribuíron, e contribúen, a eito ao fortalecemento do movemento nacionalista galego en todos os ámbitos de actuación, a principiar polo xuvenil e o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política.

Estes 40 anos da UMG é tamén unha lembranza, 40 anos de unha traxectoria recoñecida, e que teñen demostrado de maneira incontestábel como catro décadas de compromiso co noso povo e coa nosa patria . Un legado incualificábel do que as mozas que facemos parte da UMG a día de hoxe reivindicámonos continuadoras.

Camaradas e amigas, corren tempos difíciles para o noso povo, e polo tanto para a mocidade galega no seu conxunto. Nestes últimos anos os gobernos da Xunta de Galiza e do Estado Español tiveron como liñas fundamentais de acción o roubo e ataque aos salarios, dereitos e conquistas sociais das traballadoras galegas. Mais estes ataques, non son feitos aillados, forman parte de unha estratexia planificada pola clase dominante, o gran capital monopolista transnacional que dita sen pudor ningún a súa vontade baixo o paraugas da a Unión Europea e a cal temos a obriga de combater.

Nestes anos de saqueo recibimos os máis duros golpes en forma dun crecente empobrecemento e dun grave recuar en dereitos. O brutal aumento do desemprego xuvenil e a emigración é a principal expresión destas políticas ruinosas para a mocidade galega. Xa que a día de hoxe Galiza está entre os 40 territorios, das máis de 400 rexións analizadas polo Eurostat o pasado ano 2016 con maior taxa de desemprego entra a súa mocidade, chegando a duplicar a taxa da UE dos 28. Tampouco podemos ser alleos a precariedade laboral que viven moitas mozas e mozos no noso País. Contratos lixo, bolsas de practicas, contratos de unha hora de duración. En resumo, novas formas de explotación da traballadoras e traballadores legalizadas e xustificadas polos sindicatos españois, a CEOE e os gobernos da Xunta e o Estado.

Desde a Unión da Mocidade Galega denunciamos a complicdiade do goberno español coa Unión Europea para avanzar na mercantilización e privatización do ensino, coa chegada do Espazo Europeo de Educación Superior ou a inminente aplicación do Decreto do 3+2, mais tamén no ensino medio mediante a LOMCE. A cal está a día de hoxe a debate, nunha mesa camilla en Madrid entre o PP, PSOE e C´s, sexa cal sexa o resultante de esa mesa, estamos seguras que será unha nova ferramenta españolizadora para impedir a formación crítica da mocidade e afondar na elitización do ensino a través da constante imposición de barreiras. Ademais de negar a nosa realidade como povo.

Porén, desde a UMG somos conscientes que é hora de tomar a palabra. É hora de organizarse, desde os institutos até os centros de traballo. En definitiva, é hora de pasar á ofensiva. A loita de clases débese intensificar, como medida de defensa dos nosos dereitos e así garantir ter unha vida digna na nosa terra. É hora de poñer fin a estes anos de saqueo baixo a coartada da crise capitalista, demostráronnos sen ambaxes que ningunha conquista é irreversíbel no capitalismo, que ningún dereito será definitivo, nin permanente mentres continúe o réxime do capitalismo. Xa que no capitalismo e no capitalismo todo está en disputa e que defender o conquistado, e conquistas novos avances só depende da nosa capacidade como clase traballadora para actuar unidas e organizadas a través da loita, da mobilización e do conflito.

Por iso, neste 40 aniversario da Unión da Mocidade Galega, un dos nosos obxectivos prioritarios é continuar a contribuír con toda a nosa forza e dedicación á expansión de Erguer Estudantes da Galiza por todo o territorio Nacional e o fortalecemento de Galiza Nova. Camaradas, fico convencido que estas dúas organizacións con vocación de masas, son as mellores ferramentas para que máis cedo ca tarde, a patria soberana e socialista que soñamos tornarase realidade.

Viva Moncho Reboiras!
Viva a Unión do Povo Galego!
Viva Galiza ceibe e socialista!

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario