Categorías
Opinión Teletraballo

O teletraballo: unha trampa mortal para a clase traballadora

Nestas semanas de pandemia provocada pola COVID-19, observamos ao noso redor como familiares e amizades tiveron que acollerse á fórmula do teletraballo, unha resposta promovida polo goberno, ben avalada pola patronal e defendida nestes últimos días por expertos en relacións laborais nos medios de comunicación do capital.

Unha solución a curto prazo que permite manter postos de traballo pero pode converterse nunha trampa mortal para a clase traballadora se esta se torna nun hábito estendido no tempo e non se toman as medidas necesarias. O capital atopa nesta grave situación que vivimos unha oportunidade para por en práctica novos modelos de organizar a produción.

A priori, o teletraballo pode soar ben na cabeza de moitas persoas, incluso ao comezo pódese chegar a pensar que é unha fórmula laboral que permite unha maior flexibilidade da xornada, potencia a autoorganización das tarefas, facilita a conciliación ou incluso evita adicar tempo e recursos económicos no transporte até o posto de traballo.

A realidade do teletraballo é que habitualmente sabes a que hora comezas a traballar pero nunca a que hora rematas. As xornadas esténdese tanto nas horas de xantar ou até últimas horas do día, atendendo chamadas ou respondendo correos electrónicos. O teu salón ou cociña convértense nunha parte máis da túa oficina e atendes chamadas mentres realizas tarefas do fogar co móbil no peto e uns auriculares postos nas orellas. E se tes crianzas ou persoas dependentes, todo isto complícase aínda máis.

Desde unha perspectiva de xénero, as empresas ofrecen o teletraballo como unha excelente forma de conciliación da vida laboral e familiar. Lonxe disto, esta modalidade agocha unha dobre xornada de traballo para as mulleres e unha xustificación a máis por parte do neoliberalismo para recortar servizos públicos de atención a crianzas ou persoas dependentes. Cómpre lembrar que a día de hoxe o 70% das tarefas de coidados continua a recaer sobre as mulleres.

Unha nova organización da produción que favorece a desregulación e a precariedade

Tal e como ten denunciado a CIG nos últimos anos por causa da crise económica do 2007, a situación laboral das traballadoras galegas ten retrocedido, un retroceso que foi agravado polas reformas laborais do Partido Popular, reformas que continúan vixentes co goberno “progresista” do PSOE-Podemos. A situación actual do mundo do traballo per se afonda na individualización e desregulación das relacións laborais, facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual, fomentando a pobreza e os baixos salarios, impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, os falsos autónomos, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros– e xeneralizando así a precariedade ao conxunto da clase traballadora, pero especialmente das mulleres, cuns salariaos un 23% inferiores aos dos homes.

O teletraballo agrava esta situación que vimos vivindo nos últimos anos, ademáis supón unha descapitalización da empresa, dando lugar en moitos casos a que o pasivo se reduza a cero. Unha ausencia total por parte da empresa de inversións en equipas tecnolóxicas, no mantemento das mesmas ou en material como mobiliario, favorece a deslocalización dos postos de traballo e ademáis a empresa queda exenta de asumir gastos como a auga, luz e limpeza, mentres que a día de hoxe coa fórmula do teletraballo forzado, observamos como estes custos recaen sobre a traballadora ou traballador.

Ademais, esta nova organización da produción fomenta o individualismo e a competividade entre as compañeiras de traballo e afasta a clase traballadora da súa capacidade de organización sindical dentro da empresa para dar unha resposta colectiva aos abusos e problemáticas.

Co teletraballo, pódese caer en riscos psicosociais, dado que non se teñen realizado avaliacións de riscos previamente. A nosa actividade pode estar obrigada a monitorizarse, exercendo unha maior presión sobre nós e dificultando a realización das pasusas visuais necesarias ou descansos. Ademáis dunha perda total da intimidade coas videoconferencias, fomentando o sedentarismo e suprimindo en moi altos niveis a socialización.

Si, durante a pandemia o teletraballo converteuse nunha solución temporal obrigada, mais no caso de que esta nova organización da produción veña para quedarse, cómpre unha regularización da mesma no marco da negociación colectiva, garantindo a saúde e todos os dereitos laborais das traballadoras e traballadores. O teletraballo non pode ser un mecanismo para que a patronal aumente os seus beneficios a costa da clase traballadora.

Estaremos confinados, teremos vetados temporalmente os nosos dereitos de mobilización e de resposta colectiva, pero non podemos permitir que confinen os nosos dereitos ou que pretendan aplicar novas fórmulas de explotación que continuen recortando dereitos e condicións de vida da clase traballadora.

Artigo publicado en Nós Diario e Nueva Revolución 24/05/2020

Categorías
Reflexións

Eles ou nós

544193_3866066139672_873472438_nRecentemente o meu Facebook lembroume unha imaxe que subín a esta rede social fai oito anos, a foto é dunha folga estudantil en Compostela onde unha moza porta unha pancarta “Non son recortes e loita de clases”. A imaxe fíxome reflexionar como mudou a nosa vida nestes últimos anos e nestas próximas liñas quero recoller algunhas ideas e reflexións que gustaríame partillar con vós.

Levamos máis de once anos sometidos á crise económica do capitalismo, todas lembramos como a finais do 2007 e comezos do 2008, a súa burbulla inmobiliaria estoupou, como a súa ferramenta de especulación coa que encheron petos até rebentar, levou por diante a toda a clase traballadora. Os seus bancos, os seus fondos de investimento, a globalización coa que se benefician, as súas especulacións en produtos financeiros actuaron durante décadas manipulando con absoluta liberdade a man invisíbel de Adam Smith. Sempre coa complicidade das institucións internacionais, tanto na Europa como en calquera outra latitude do planeta e por suposto co silencio e colaboración lexislativa dos gobernos títere nos distintos estados.

A súa especulación pagámola nós, non só a nivel económico, se non tamén coas súas políticas  de perda de dereitos laborais, sociais e de liberdades

A súa especulación pagámola nós, non só a nivel económico, se non tamén coas súas políticas  de perda de dereitos laborais, sociais e de liberdades. Os gobernos de turno, foran do Partido Popular ou do PSOE, tomáronse a liberdade de pagar cos cartos de todas nos os seus rescates financeiros que endexamais devolverán.

Nos últimos dous anos, intentaron vender que estabamos nunha suposta recuperación económica máis a realidade era a contraria. Nunca saímos da crise do 2008, simplemente estábamos vivindo as súas consecuencias: maiores dificultades económicas, maior desemprego, temporalidade nos contratos, recortes de liberdades individuais e colectivas, privatizacións de servizos públicos, transformación do mundo do traballo cara un maior individualismo no marco da chamada uberización do emprego, un longo etcétera que relataría a realidade que a maioría observamos no noso día a día. Iso si, os de sempre continua enchedo os petos a puños cheos a base da súa violencia cara a clase e traballadora galega. Non esquezamos como pecharon e mal venderon as caixas de aforro ou privatizaron empresas estratéxicas.

Agora no 2020, chega a crise sanitaria do COVID19, isto só fixo acelerar a crise económica que estaba por chegar a finais do presente ano e comezos do 2021. Máis compre prestar atención a situación provocada pola pandemia. É infame que millóns de traballadoras e traballadores sexan colocados en situacións límites con ERTEs, permisos non retribuídos ou directamente despedimentos mentres esas mesmas empresas  exercen  violencia con amparo legal cara as traballadoras mentres reciben fondos dos contribuíntes para salvagardar a súa conta de resultados.

Por que os bancos que foron salvados con máis de 60.000 millóns de euros públicos non son obrigados a devolver eses cartos? Por que non se aposta por medidas que transformen realmente a sociedade en lugar de seguir coas propostas cosméticas que nos ten acostumado o goberno de Pedro Sánchez e Pablo Iglésias? Por que non se nacionalizan empresas? Por que o goberno central teima día a día en aumentar o seu poder de centralización?

EW2CtSqWAAEmmPHEn apenas 55 dias os datos de afiliacións á Seguridade Social na Galiza descendeu a 974.770 persoas, achegándose aos datos medios do 2017, 977.694 persoas. Máis sen caer na trampa dos números ou das estatísticas somos conscientes que o número real de traballadoras e traballadores que perderon o seu emprego e sen dúbida moito maior. Observamos con impotencia como cada día aumentan as colas nos bancos de alimentos e como a pobreza alimentaria agudízase na nosa sociedade.

O sistema no que vivimos, leva décadas privatizando o lucro para unha elite e socializando as perdas entre as clases populares

O sistema no que vivimos, leva décadas privatizando o lucro para unha elite e socializando as perdas entre as clases populares, sempre no marco da súa política do “socialismo para ricos”.  Este tipo de política que non é nova, de salvamento feito por enriba cara abaixo, estase a repetir coa crise provocada polo COVID-19, as políticas levadas acabo a día de hoxe polo goberno do estado resultará de forma inmediata en aínda máis desigualdade social e, finalmente, mais disfuncións na economía galega de aquí en diante. Varios economistas internacionais apuntas que este tipo de medidas que aplica o estado español e outros países levan a un gran colapso económico mundial inminente.

Con todo o que levamos vivido, é indiscutíbel que o capitalismo é un sistema fracasado. A pandemia do COVID-19 e o seu desastroso impacto social, mostra unha vez máis as consecuencias dunha economía baseada na satisfacción das necesidades humanas dunha minoría, potenciando a privatización de servizos públicos e recortando os que aínda o son. Sempre enriquecendo aos que xa son ricos e aumentando o número de persoas que non son capaces de chegar a fin de. Falamos claramente do proletariado empobrecido.

As traballadoras e traballadores somos plenamente conscientes do que implica o “socialismo para ricos”, sabemos as consecuencias, levámolas vivindo de forma intensa nos últimos anos. Agora temos unha nova oportunidade para reivindicar os nosos dereitos como clase traballadora, a reforzar a loita de clases,  esta loita nunca perdeu a súa vixencia, aínda que agora é máis necesaria que nunca.

É hora de abolir  este sistema parasitario que vive da explotación do noso traballo e implementar un novo modelo máis xusto, eficaz, sustentábel para a sociedade e o planeta. Un sistema democrático. Esa é a tarefa que temos por diante a clase traballadora galega.

18193021_618827604973335_816940601399316957_o

 

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario