A propaganda gobernamental (dá igual a institución) coincide en afrontar a pandemia da Covid-19 como se dunha guerra se tratase, con terminoloxía bélica e con altas doses de patriotismo. Como nas maiores guerras da historia, os gobernos buscaron a unidade fronte o inimigo para xustificar as súas medidas (ou a falta delas), como se fose unha verdade única que non se pode discutir.
Non obstante, isto non é unha guerra nin existe un inimigo común (con exército, estratexia ou intereses): existe unha enfermidade, unha crise sanitaria, social e económica –que xa viña de antes, co engadido da inxustiza social imperante– e as súas graves consecuencias.
Deixando a un lado a propaganda das institucións, queda a realidade. Unha realidade que nos golpea como clase, mentres coloca a cenoria no outro extremo para que eses golpes pasen desapercibidos, lonxe dos focos dos medios de comunicación de masas e lonxe de calquera resposta social. Un exemplo, desta volta de hai uns meses: “Nos pagan para resolver problemas, no para crearlos” dicía a ministra Calviño ao fío do debate sobre a derrogación da reforma laboral. Pois non, se para algo están os Gobernos é para escoller a quen se lle crean os problemas, porque esa elección é precisamente o núcleo da acción política nas institucións. Derrogar a reforma laboral creará problemas a quen se beneficia da precariedade de millóns de persoas, pero aliviará a situación destas últimas. E así con todo.
Outro exemplo é precisamente a crise provocada pola Covid-19. As medidas políticas que se tomen neste 2021 agrandarán ou reducirán a fenda socioeconómica; reforzarán ou debilitarán os servizos públicos; agravarán ou diminuíran as desigualdades de xénero; farán unha sociedade máis xusta ou máis inxusta. Existen, polo tanto, dous camiños, e ambos os dous son problemáticos: non existen solucións que poidan contentar á vez a todo o mundo (patronal e clase traballadora; Ibex35 e falsos autónomos; empresas adxudicatarias de servizos públicos privatizados e empregadas de residencias ou servizos de limpeza…). Nisto non existe unha suma cero, nin win-win, nin retórica que valla.
Ao contrario do acontecido na crise do 2008, agora debemos conseguir unha saída xusta e galega, algo que pasa por unha constante mobilización social, sendo capaces de aglutinar os pequenos conflitos, elevar o debate e construír un relato colectivo que obrigue aos Gobernos a tomar medidas que melloren a vida da maioría. Isto chocará, inevitabelmente, cos intereses dos que máis capital acumulan e cos que agardan lucrarse nesta crise como fixeron coa anterior. Lograr esa saída xusta non será pacífica nin se limitará a “resolver problemas” como se dunha ecuación matemática se tratase. Esta saída galega á crise debe superar as políticas neoliberais e defender un desenvolvemento galego propio, asegurando un financiamento público, derrogando a reforma laboral e a das pensións na súa totalidade, abordando unha profunda reforma fiscal que grave oportunamente as grandes fortunas e as grandes empresas, unha suba até os 1.115€ do Salario Mínimo Interprofesional, así como coa intervención pública dos sectores estratéxicos da nosa economía, hoxe en mans privadas, como pode ser o caso das eléctricas e da banca. Entre outras cousas.
A saída da crise será en chave galega ou non será. Non será doada, nin se poderá recuperar o roubado ou conquistar novos avances sen conflito. Temos que gañala loitando na rúa.
Recentemente o meu Facebook lembroume unha imaxe que subín a esta rede social fai oito anos, a foto é dunha folga estudantil en Compostela onde unha moza porta unha pancarta “Non son recortes e loita de clases”. A imaxe fíxome reflexionar como mudou a nosa vida nestes últimos anos e nestas próximas liñas quero recoller algunhas ideas e reflexións que gustaríame partillar con vós.
En apenas 55 dias os datos de afiliacións á Seguridade Social na Galiza descendeu a 974.770 persoas, achegándose aos datos medios do 2017, 977.694 persoas. Máis sen caer na trampa dos números ou das estatísticas somos conscientes que o número real de traballadoras e traballadores que perderon o seu emprego e sen dúbida moito maior. Observamos con impotencia como cada día aumentan as colas nos bancos de alimentos e como a pobreza alimentaria agudízase na nosa sociedade.
