Categorías
Opinión Teletraballo

O teletraballo: unha trampa mortal para a clase traballadora

Nestas semanas de pandemia provocada pola COVID-19, observamos ao noso redor como familiares e amizades tiveron que acollerse á fórmula do teletraballo, unha resposta promovida polo goberno, ben avalada pola patronal e defendida nestes últimos días por expertos en relacións laborais nos medios de comunicación do capital.

Unha solución a curto prazo que permite manter postos de traballo pero pode converterse nunha trampa mortal para a clase traballadora se esta se torna nun hábito estendido no tempo e non se toman as medidas necesarias. O capital atopa nesta grave situación que vivimos unha oportunidade para por en práctica novos modelos de organizar a produción.

A priori, o teletraballo pode soar ben na cabeza de moitas persoas, incluso ao comezo pódese chegar a pensar que é unha fórmula laboral que permite unha maior flexibilidade da xornada, potencia a autoorganización das tarefas, facilita a conciliación ou incluso evita adicar tempo e recursos económicos no transporte até o posto de traballo.

A realidade do teletraballo é que habitualmente sabes a que hora comezas a traballar pero nunca a que hora rematas. As xornadas esténdese tanto nas horas de xantar ou até últimas horas do día, atendendo chamadas ou respondendo correos electrónicos. O teu salón ou cociña convértense nunha parte máis da túa oficina e atendes chamadas mentres realizas tarefas do fogar co móbil no peto e uns auriculares postos nas orellas. E se tes crianzas ou persoas dependentes, todo isto complícase aínda máis.

Desde unha perspectiva de xénero, as empresas ofrecen o teletraballo como unha excelente forma de conciliación da vida laboral e familiar. Lonxe disto, esta modalidade agocha unha dobre xornada de traballo para as mulleres e unha xustificación a máis por parte do neoliberalismo para recortar servizos públicos de atención a crianzas ou persoas dependentes. Cómpre lembrar que a día de hoxe o 70% das tarefas de coidados continua a recaer sobre as mulleres.

Unha nova organización da produción que favorece a desregulación e a precariedade

Tal e como ten denunciado a CIG nos últimos anos por causa da crise económica do 2007, a situación laboral das traballadoras galegas ten retrocedido, un retroceso que foi agravado polas reformas laborais do Partido Popular, reformas que continúan vixentes co goberno “progresista” do PSOE-Podemos. A situación actual do mundo do traballo per se afonda na individualización e desregulación das relacións laborais, facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual, fomentando a pobreza e os baixos salarios, impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, os falsos autónomos, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros– e xeneralizando así a precariedade ao conxunto da clase traballadora, pero especialmente das mulleres, cuns salariaos un 23% inferiores aos dos homes.

O teletraballo agrava esta situación que vimos vivindo nos últimos anos, ademáis supón unha descapitalización da empresa, dando lugar en moitos casos a que o pasivo se reduza a cero. Unha ausencia total por parte da empresa de inversións en equipas tecnolóxicas, no mantemento das mesmas ou en material como mobiliario, favorece a deslocalización dos postos de traballo e ademáis a empresa queda exenta de asumir gastos como a auga, luz e limpeza, mentres que a día de hoxe coa fórmula do teletraballo forzado, observamos como estes custos recaen sobre a traballadora ou traballador.

Ademais, esta nova organización da produción fomenta o individualismo e a competividade entre as compañeiras de traballo e afasta a clase traballadora da súa capacidade de organización sindical dentro da empresa para dar unha resposta colectiva aos abusos e problemáticas.

Co teletraballo, pódese caer en riscos psicosociais, dado que non se teñen realizado avaliacións de riscos previamente. A nosa actividade pode estar obrigada a monitorizarse, exercendo unha maior presión sobre nós e dificultando a realización das pasusas visuais necesarias ou descansos. Ademáis dunha perda total da intimidade coas videoconferencias, fomentando o sedentarismo e suprimindo en moi altos niveis a socialización.

Si, durante a pandemia o teletraballo converteuse nunha solución temporal obrigada, mais no caso de que esta nova organización da produción veña para quedarse, cómpre unha regularización da mesma no marco da negociación colectiva, garantindo a saúde e todos os dereitos laborais das traballadoras e traballadores. O teletraballo non pode ser un mecanismo para que a patronal aumente os seus beneficios a costa da clase traballadora.

Estaremos confinados, teremos vetados temporalmente os nosos dereitos de mobilización e de resposta colectiva, pero non podemos permitir que confinen os nosos dereitos ou que pretendan aplicar novas fórmulas de explotación que continuen recortando dereitos e condicións de vida da clase traballadora.

Artigo publicado en Nós Diario e Nueva Revolución 24/05/2020