Categorías
Opinión

Esta vez si, unha saída galega e xusta

A propaganda gobernamental (dá igual a institución) coincide en afrontar a pandemia da Covid-19 como se dunha guerra se tratase, con terminoloxía bélica e con altas doses de patriotismo. Como nas maiores guerras da historia, os gobernos buscaron a unidade fronte o inimigo para xustificar as súas medidas (ou a falta delas), como se fose unha verdade única que non se pode discutir.

Non obstante, isto non é unha guerra nin existe un inimigo común (con exército, estratexia ou intereses): existe unha enfermidade, unha crise sanitaria, social e económica –que xa viña de antes, co engadido da inxustiza social imperante– e as súas graves consecuencias.

Deixando a un lado a propaganda das institucións, queda a realidade. Unha realidade que nos golpea como clase, mentres coloca a cenoria no outro extremo para que eses golpes pasen desapercibidos, lonxe dos focos dos medios de comunicación de masas e lonxe de calquera resposta social. Un exemplo, desta volta de hai uns meses: “Nos pagan para resolver problemas, no para crearlos” dicía a ministra Calviño ao fío do debate sobre a derrogación da reforma laboral. Pois non, se para algo están os Gobernos é para escoller a quen se lle crean os problemas, porque esa elección é precisamente o núcleo da acción política nas institucións. Derrogar a reforma laboral creará problemas a quen se beneficia da precariedade de millóns de persoas, pero aliviará a situación destas últimas. E así con todo.

Outro exemplo é precisamente a crise provocada pola Covid-19. As medidas políticas que se tomen neste 2021 agrandarán ou reducirán a fenda socioeconómica; reforzarán ou debilitarán os servizos públicos; agravarán ou diminuíran as desigualdades de xénero; farán unha sociedade máis xusta ou máis inxusta. Existen, polo tanto, dous camiños, e ambos os dous son problemáticos: non existen solucións que poidan contentar á vez a todo o mundo (patronal e clase traballadora; Ibex35 e falsos autónomos; empresas adxudicatarias de servizos públicos privatizados e empregadas de residencias ou servizos de limpeza…). Nisto non existe unha suma cero, nin win-win, nin retórica que valla.

Ao contrario do acontecido na crise do 2008, agora debemos conseguir unha saída xusta e galega, algo que pasa por unha constante mobilización social, sendo capaces de aglutinar os pequenos conflitos, elevar o debate e construír un relato colectivo que obrigue aos Gobernos a tomar medidas que melloren a vida da maioría. Isto chocará, inevitabelmente, cos intereses dos que máis capital acumulan e cos que agardan lucrarse nesta crise como fixeron coa anterior. Lograr esa saída xusta non será pacífica nin se limitará a “resolver problemas” como se dunha ecuación matemática se tratase. Esta saída galega á crise debe superar as políticas neoliberais e defender un desenvolvemento galego propio, asegurando un financiamento público, derrogando a reforma laboral e a das pensións na súa totalidade, abordando unha profunda reforma fiscal que grave oportunamente as grandes fortunas e as grandes empresas, unha suba até os 1.115€ do Salario Mínimo Interprofesional, así como coa intervención pública dos sectores estratéxicos da nosa economía, hoxe en mans privadas, como pode ser o caso das eléctricas e da banca. Entre outras cousas.

A saída da crise será en chave galega ou non será. Non será doada, nin se poderá recuperar o roubado ou conquistar novos avances sen conflito. Temos que gañala loitando na rúa.

Artigo publicado no Terra e Tempo dixital 08/01/2021

Categorías
Opinión Teletraballo

O teletraballo: unha trampa mortal para a clase traballadora

Nestas semanas de pandemia provocada pola COVID-19, observamos ao noso redor como familiares e amizades tiveron que acollerse á fórmula do teletraballo, unha resposta promovida polo goberno, ben avalada pola patronal e defendida nestes últimos días por expertos en relacións laborais nos medios de comunicación do capital.

Unha solución a curto prazo que permite manter postos de traballo pero pode converterse nunha trampa mortal para a clase traballadora se esta se torna nun hábito estendido no tempo e non se toman as medidas necesarias. O capital atopa nesta grave situación que vivimos unha oportunidade para por en práctica novos modelos de organizar a produción.

A priori, o teletraballo pode soar ben na cabeza de moitas persoas, incluso ao comezo pódese chegar a pensar que é unha fórmula laboral que permite unha maior flexibilidade da xornada, potencia a autoorganización das tarefas, facilita a conciliación ou incluso evita adicar tempo e recursos económicos no transporte até o posto de traballo.

A realidade do teletraballo é que habitualmente sabes a que hora comezas a traballar pero nunca a que hora rematas. As xornadas esténdese tanto nas horas de xantar ou até últimas horas do día, atendendo chamadas ou respondendo correos electrónicos. O teu salón ou cociña convértense nunha parte máis da túa oficina e atendes chamadas mentres realizas tarefas do fogar co móbil no peto e uns auriculares postos nas orellas. E se tes crianzas ou persoas dependentes, todo isto complícase aínda máis.

Desde unha perspectiva de xénero, as empresas ofrecen o teletraballo como unha excelente forma de conciliación da vida laboral e familiar. Lonxe disto, esta modalidade agocha unha dobre xornada de traballo para as mulleres e unha xustificación a máis por parte do neoliberalismo para recortar servizos públicos de atención a crianzas ou persoas dependentes. Cómpre lembrar que a día de hoxe o 70% das tarefas de coidados continua a recaer sobre as mulleres.

Unha nova organización da produción que favorece a desregulación e a precariedade

Tal e como ten denunciado a CIG nos últimos anos por causa da crise económica do 2007, a situación laboral das traballadoras galegas ten retrocedido, un retroceso que foi agravado polas reformas laborais do Partido Popular, reformas que continúan vixentes co goberno “progresista” do PSOE-Podemos. A situación actual do mundo do traballo per se afonda na individualización e desregulación das relacións laborais, facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual, fomentando a pobreza e os baixos salarios, impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, os falsos autónomos, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros– e xeneralizando así a precariedade ao conxunto da clase traballadora, pero especialmente das mulleres, cuns salariaos un 23% inferiores aos dos homes.

O teletraballo agrava esta situación que vimos vivindo nos últimos anos, ademáis supón unha descapitalización da empresa, dando lugar en moitos casos a que o pasivo se reduza a cero. Unha ausencia total por parte da empresa de inversións en equipas tecnolóxicas, no mantemento das mesmas ou en material como mobiliario, favorece a deslocalización dos postos de traballo e ademáis a empresa queda exenta de asumir gastos como a auga, luz e limpeza, mentres que a día de hoxe coa fórmula do teletraballo forzado, observamos como estes custos recaen sobre a traballadora ou traballador.

Ademais, esta nova organización da produción fomenta o individualismo e a competividade entre as compañeiras de traballo e afasta a clase traballadora da súa capacidade de organización sindical dentro da empresa para dar unha resposta colectiva aos abusos e problemáticas.

Co teletraballo, pódese caer en riscos psicosociais, dado que non se teñen realizado avaliacións de riscos previamente. A nosa actividade pode estar obrigada a monitorizarse, exercendo unha maior presión sobre nós e dificultando a realización das pasusas visuais necesarias ou descansos. Ademáis dunha perda total da intimidade coas videoconferencias, fomentando o sedentarismo e suprimindo en moi altos niveis a socialización.

Si, durante a pandemia o teletraballo converteuse nunha solución temporal obrigada, mais no caso de que esta nova organización da produción veña para quedarse, cómpre unha regularización da mesma no marco da negociación colectiva, garantindo a saúde e todos os dereitos laborais das traballadoras e traballadores. O teletraballo non pode ser un mecanismo para que a patronal aumente os seus beneficios a costa da clase traballadora.

Estaremos confinados, teremos vetados temporalmente os nosos dereitos de mobilización e de resposta colectiva, pero non podemos permitir que confinen os nosos dereitos ou que pretendan aplicar novas fórmulas de explotación que continuen recortando dereitos e condicións de vida da clase traballadora.

Artigo publicado en Nós Diario e Nueva Revolución 24/05/2020

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario