Categorías
Opinión

Esta vez si, unha saída galega e xusta

A propaganda gobernamental (dá igual a institución) coincide en afrontar a pandemia da Covid-19 como se dunha guerra se tratase, con terminoloxía bélica e con altas doses de patriotismo. Como nas maiores guerras da historia, os gobernos buscaron a unidade fronte o inimigo para xustificar as súas medidas (ou a falta delas), como se fose unha verdade única que non se pode discutir.

Non obstante, isto non é unha guerra nin existe un inimigo común (con exército, estratexia ou intereses): existe unha enfermidade, unha crise sanitaria, social e económica –que xa viña de antes, co engadido da inxustiza social imperante– e as súas graves consecuencias.

Deixando a un lado a propaganda das institucións, queda a realidade. Unha realidade que nos golpea como clase, mentres coloca a cenoria no outro extremo para que eses golpes pasen desapercibidos, lonxe dos focos dos medios de comunicación de masas e lonxe de calquera resposta social. Un exemplo, desta volta de hai uns meses: “Nos pagan para resolver problemas, no para crearlos” dicía a ministra Calviño ao fío do debate sobre a derrogación da reforma laboral. Pois non, se para algo están os Gobernos é para escoller a quen se lle crean os problemas, porque esa elección é precisamente o núcleo da acción política nas institucións. Derrogar a reforma laboral creará problemas a quen se beneficia da precariedade de millóns de persoas, pero aliviará a situación destas últimas. E así con todo.

Outro exemplo é precisamente a crise provocada pola Covid-19. As medidas políticas que se tomen neste 2021 agrandarán ou reducirán a fenda socioeconómica; reforzarán ou debilitarán os servizos públicos; agravarán ou diminuíran as desigualdades de xénero; farán unha sociedade máis xusta ou máis inxusta. Existen, polo tanto, dous camiños, e ambos os dous son problemáticos: non existen solucións que poidan contentar á vez a todo o mundo (patronal e clase traballadora; Ibex35 e falsos autónomos; empresas adxudicatarias de servizos públicos privatizados e empregadas de residencias ou servizos de limpeza…). Nisto non existe unha suma cero, nin win-win, nin retórica que valla.

Ao contrario do acontecido na crise do 2008, agora debemos conseguir unha saída xusta e galega, algo que pasa por unha constante mobilización social, sendo capaces de aglutinar os pequenos conflitos, elevar o debate e construír un relato colectivo que obrigue aos Gobernos a tomar medidas que melloren a vida da maioría. Isto chocará, inevitabelmente, cos intereses dos que máis capital acumulan e cos que agardan lucrarse nesta crise como fixeron coa anterior. Lograr esa saída xusta non será pacífica nin se limitará a “resolver problemas” como se dunha ecuación matemática se tratase. Esta saída galega á crise debe superar as políticas neoliberais e defender un desenvolvemento galego propio, asegurando un financiamento público, derrogando a reforma laboral e a das pensións na súa totalidade, abordando unha profunda reforma fiscal que grave oportunamente as grandes fortunas e as grandes empresas, unha suba até os 1.115€ do Salario Mínimo Interprofesional, así como coa intervención pública dos sectores estratéxicos da nosa economía, hoxe en mans privadas, como pode ser o caso das eléctricas e da banca. Entre outras cousas.

A saída da crise será en chave galega ou non será. Non será doada, nin se poderá recuperar o roubado ou conquistar novos avances sen conflito. Temos que gañala loitando na rúa.

Artigo publicado no Terra e Tempo dixital 08/01/2021

Categorías
Artigos para Vía Galega

Consecuencias sociais e económicas da pandemia. A soberanía como solución

A Covid-19 marcará na historia o ano 2020, ao igual que fixeron no pasado as últimas cinco grandes pandemias que afectaron a humanidade, como foron a Xarampón (1963), a mal chamada “gripe española” (1918), a peste negra (mediados do século XIV),a Varíola ou o VIH. A ninguén se lle escapa que a actual pandemia modificou as nosas vidas, non só polos EPIs que temos que empregar no noso día a día, se non tamén pola situación social e económica que nos deixa a pandemia. Unha situación que agrava aínda máis as consecuencias que as clases populares estabamos a vivir, froito da crise económica do capitalismo do ano 2008 e as consecuentes perdas de dereitos e liberdades.
Pola transcendencia social e histórica desta crise, tanto polas súas consecuencias sobre a saúde como sobre a economía mundial, é un erro reducir as solucións aos problemas causados a acadar unha vacina, recuperar a actividade produtiva ou manter a taxa de desemprego, mesmo valorando que estes obxectivos sexa necesarios e urxentes a curto prazo. Cómpre pensarmos colectivamente nun novo modelo económico e social que teña as persoas no centro, no que o noso país abandone o seu papel subalterno dentro do Estado. É necesario dotar a Galiza duns servizos públicos de calidade e conseguir que as vellas receitas neoliberais imperantes desde a década dos setenta, promovidas desde a dereita, e ás que se sumou entusiasticamente (e contraditoriamente) a socialdemocracia española e europea, centradas en restar cada vez máis poder ao tecido público fronte ao privado, sexan fórmulas do pasado.

Unha Galiza soberana como eixo central da reconstrución
Se analizamos as políticas levadas a cabo nos últimos anos, por pouco que rabuñemos descubrimos como desde a Unión Europea e sempre coa complicidade do Estado español, o noso país sufriu medidas continuadas de desmantelamento do tecido económico. Un tecido que nunca floreceu na súa totalidade debido ás políticas económicas de enclave e que nunca veu potenciado os procesos de transformación na súa totalidade. A todo isto temos que sumar o desmantelamento do rural, a emigración xuvenil, a crise demográfica e a promoción da nosa nación como un gran parque de atraccións turístico. Todo isto acentúa as desigualdades sociais e o empobrecemento da clase traballadora.

Mais a actual situación de crise ábrenos unha nova oportunidade para repensar Galiza, con políticas económicas e sociais radicalmente diferentes. A nosa proposta pasa por rachar co pasado, coas políticas de privatizacións e recortes da sanidade pública. Rachar co modelo privatizado de atención a persoas dependentes, tanto na terceira idade como nas persoas con diversidade funcional. Apostar pola creación de empresas públicas nun modelo económico diversificado, pór en marcha unha banca pública galega que potencie a economía de particulares, autónomos e empresas con baixos tipos de interese e que teña como obxectivo a xeración de riqueza colectiva por riba da individual das actuais entidades financeiras. Unha aposta firme pola innovación e a tecnoloxía, polos centros de investigación médicos, permitindo incluso a constitución de farmacéuticas nacionais; pola nacionalización das telecomunicacións e da enerxía, dúas áreas que xunto coa alimentación supoñen o 40% dos gastos das familias galegas.Na mesma liña, tampouco podemos obviar as políticas aplicadas pola dereita do Partido Popular na restrición de liberdades individuais e sociais, medidas que a día de hoxe, pese a gobernar no estado español un goberno pseudoprogresista, continúan vixentes. Non se albiscan a curto prazo intencións de modificar a Lei Mordaza, o adoutrinamento da LOMCE ou a totalidade as reformas laborais.

Estas son algunhas cuestións que desde Vía Galega entendemos que vale a pena debater; termos unha proposta completa para alén do inmediato e unha folla de ruta como país que nos obrigue a abandonar o noso papel subalterno. A loita contra as futuras pandemias pasa por un modelo económico e social centrado na Galiza e que teña como prioridade as persoas e non os mercados económicos.

Artigo para o voceiro nacional de Vía Galega polo 25/07/2020

Categorías
Opinión Teletraballo

O teletraballo: unha trampa mortal para a clase traballadora

Nestas semanas de pandemia provocada pola COVID-19, observamos ao noso redor como familiares e amizades tiveron que acollerse á fórmula do teletraballo, unha resposta promovida polo goberno, ben avalada pola patronal e defendida nestes últimos días por expertos en relacións laborais nos medios de comunicación do capital.

Unha solución a curto prazo que permite manter postos de traballo pero pode converterse nunha trampa mortal para a clase traballadora se esta se torna nun hábito estendido no tempo e non se toman as medidas necesarias. O capital atopa nesta grave situación que vivimos unha oportunidade para por en práctica novos modelos de organizar a produción.

A priori, o teletraballo pode soar ben na cabeza de moitas persoas, incluso ao comezo pódese chegar a pensar que é unha fórmula laboral que permite unha maior flexibilidade da xornada, potencia a autoorganización das tarefas, facilita a conciliación ou incluso evita adicar tempo e recursos económicos no transporte até o posto de traballo.

A realidade do teletraballo é que habitualmente sabes a que hora comezas a traballar pero nunca a que hora rematas. As xornadas esténdese tanto nas horas de xantar ou até últimas horas do día, atendendo chamadas ou respondendo correos electrónicos. O teu salón ou cociña convértense nunha parte máis da túa oficina e atendes chamadas mentres realizas tarefas do fogar co móbil no peto e uns auriculares postos nas orellas. E se tes crianzas ou persoas dependentes, todo isto complícase aínda máis.

Desde unha perspectiva de xénero, as empresas ofrecen o teletraballo como unha excelente forma de conciliación da vida laboral e familiar. Lonxe disto, esta modalidade agocha unha dobre xornada de traballo para as mulleres e unha xustificación a máis por parte do neoliberalismo para recortar servizos públicos de atención a crianzas ou persoas dependentes. Cómpre lembrar que a día de hoxe o 70% das tarefas de coidados continua a recaer sobre as mulleres.

Unha nova organización da produción que favorece a desregulación e a precariedade

Tal e como ten denunciado a CIG nos últimos anos por causa da crise económica do 2007, a situación laboral das traballadoras galegas ten retrocedido, un retroceso que foi agravado polas reformas laborais do Partido Popular, reformas que continúan vixentes co goberno “progresista” do PSOE-Podemos. A situación actual do mundo do traballo per se afonda na individualización e desregulación das relacións laborais, facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual, fomentando a pobreza e os baixos salarios, impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, os falsos autónomos, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros– e xeneralizando así a precariedade ao conxunto da clase traballadora, pero especialmente das mulleres, cuns salariaos un 23% inferiores aos dos homes.

O teletraballo agrava esta situación que vimos vivindo nos últimos anos, ademáis supón unha descapitalización da empresa, dando lugar en moitos casos a que o pasivo se reduza a cero. Unha ausencia total por parte da empresa de inversións en equipas tecnolóxicas, no mantemento das mesmas ou en material como mobiliario, favorece a deslocalización dos postos de traballo e ademáis a empresa queda exenta de asumir gastos como a auga, luz e limpeza, mentres que a día de hoxe coa fórmula do teletraballo forzado, observamos como estes custos recaen sobre a traballadora ou traballador.

Ademais, esta nova organización da produción fomenta o individualismo e a competividade entre as compañeiras de traballo e afasta a clase traballadora da súa capacidade de organización sindical dentro da empresa para dar unha resposta colectiva aos abusos e problemáticas.

Co teletraballo, pódese caer en riscos psicosociais, dado que non se teñen realizado avaliacións de riscos previamente. A nosa actividade pode estar obrigada a monitorizarse, exercendo unha maior presión sobre nós e dificultando a realización das pasusas visuais necesarias ou descansos. Ademáis dunha perda total da intimidade coas videoconferencias, fomentando o sedentarismo e suprimindo en moi altos niveis a socialización.

Si, durante a pandemia o teletraballo converteuse nunha solución temporal obrigada, mais no caso de que esta nova organización da produción veña para quedarse, cómpre unha regularización da mesma no marco da negociación colectiva, garantindo a saúde e todos os dereitos laborais das traballadoras e traballadores. O teletraballo non pode ser un mecanismo para que a patronal aumente os seus beneficios a costa da clase traballadora.

Estaremos confinados, teremos vetados temporalmente os nosos dereitos de mobilización e de resposta colectiva, pero non podemos permitir que confinen os nosos dereitos ou que pretendan aplicar novas fórmulas de explotación que continuen recortando dereitos e condicións de vida da clase traballadora.

Artigo publicado en Nós Diario e Nueva Revolución 24/05/2020

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario